Thursday 09 de May de 2024

O Trail e a Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx” agardan superar os 400 participantes o domingo 30 decembro


 

O presidente do Club Lousame Deporte salienta que “contaremos co mellor de Galicia e de España, con participantes da talla de Aroa Sío, Fernando Arca, Elpidio Gómez ou Samuel Saborido, o que nos dá un salto de calidade á proba”

O Concello de Lousame acollerá durante a mañá do próximo domingo 30 de decembro a segunda edición do Trail e da Andaina San Silvestre Lousame Minas de San Finx. Unha cita que xunta deporte, natureza, historia, patrimonio cultural e solidariedade; e que foi presentada esta mañá pola alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, quen estivo acompañada polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; o xerente de EME Sports, Ezequiel Mosquera; e o representante da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), Eduardo Agraso.

As inscricións tanto para a Andaina (6 euros) como para o Trail (13 euros) deberanse realizar a través da web www.emesports.es antes do martes 25 de decembro ás 23.59 horas. O custo dos dorsais inclúe seguros, avituallamento e un agasallo de recordo. O Trail ten as súas prazas limitadas a 500, mentras que a Andaina non conta con límite.

Teresa Villaverde animou a veciños e visitantes a “desfrutar dunha actividade deportiva para a que o concello de Lousame reúne as características idóneas, pois permite tamén gozar da paisaxe e do noso rico patrimonio cultural e histórico. Sei que xa hai mais de 150 persoas inscritas, polo que agardamos superar a marca dos 400 participantes do ano pasado”. Así mesmo, fixo un chamamento tamén á participación na andaina solidaria con ASGPOH, “unha asociación que o merece por todo o traballo que está a facer e nada mellor que participar nunha actividade que combina a convivencia, a saúde, o deporte e a solidariedade”.

Eduardo Agraso, representante de ASGPOH, agradeceu a colaboración tanto do Concello de Lousame como do Club Lousame Deporte e animou á xente “a apuntarse o antes posible, pois iso axuda moito á organización do evento”. Unha proba que “é a oportunidade para rebaixar os excesos navideños e que conxuga deporte, cultura e solidariedade”, explicou.

Novidade: trail curto e trail longo

O presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, explicou unha das principais novidades da proba deste ano: a posibilidade de participar nun Trail Corto de 16 quilómetros de dificultade media/baixa e un desnivel de +500 metros e un Trail Longo de 25 quilómetros, de dificultade media e un desnivel de +800 metros, ambos con saída nas minas de San Finx ás 11:00 horas do 30 de decembro e meta no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra.

“O ano pasado foi un éxito e cando acabou a proba falamos con todas as persoas que participaron para ver as súas opinións e ver onde podemos mellorar”, apuntou Néstor Romero, quen sinalou que “a todas gustoulle o circuíto e a única pega que poñían era que se facía moi curto. Por iso decidimos facer dous percorridos: un dirixido a xente con máis capacidade física pero tamén outro asequible a todo mundo”.

Os mellores corredores/as de Galicia

A día de hoxe xa hai 139 persoas inscritas no Trail e outras 52 na Andaina, o que fai pensar na posibilidade de superar os 171 e 217 participantes da primeira edición. Ademais, o presidente do Club Lousame Deporte salientou que “no trail teremos unha calidade bestial, pois contaremos co mellor de Galicia e de España. Será un luxo contar con participantes da talla de Aroa Sío, Fernando Arca, Elpidio Gómez Sousa, Samuel Saborido Soñora ou Luís Calvo, o que nos dá un salto de calidade á proba”.

Aroa Sío Recknold é campioa galega de carreiras por montaña e terceira clasificada no Campionato de España Ultra Fedme 2018; Fernando Arca, 3º no campionato galego de carreiras por montaña, recente gañador do Quiroga Trail Challenge, do Trail Do Lor, do Trail Ribeira Sacra e da Nocturna do Xalo 2018 e 2º no Kilómetro Vertical ao Bovia (León); Samuel Saborido Soñora, 2º no campionato galego de carreiras por montaña; Elpidio Gómez Sousa, 3º na categoría Veteranos A da Copa de España de Carreiras por Montaña 2018, 3º na Camovi; e Luís Calvo Castro, gañador da primeira edición do Trail Minas de San Finx.

Todos eles son membros da selección galega de carreiras por montaña. “O nivel dos participantes non nos deixa de sorprender e veñen porque escoitaron falar moi ben do trail, o que é de agradecer, pero o mellor é que o poda facer todo o mundo”, conclúe Néstor Romero.

Un punto que corroborou Ezequiel Mosquera, quen salientou que se están apuntando persoas de todos os puntos de Galicia e mesmo xa hai un par de participantes de fóra da comunidade autónoma. Así mesmo, destacou que o maior atractivo da proba son as paisaxes polas que discorre o trail e, sobre todo, as minas de San Finx. “A xente cansa do asfalto e veñen a Lousame a correr e a coñecer unha parte da historia de Galicia como son as minas de Wolfram”, explicou Mosquera, quen engadiu que “a paisaxe, a organización, as minas e todo o que hai detrás fan que esta proba poida converterse nun referente en Galicia e ter moito percorrido”.

Desenvolvemento da proba

A recollida de dorsais realizarase no pavillón municipal a partir das 8:00 horas do domingo 30 de novembro. Dende alí, os participantes na Andaina e no Trail serán trasladados en bus ata o punto de saída nas minas de San Finx da man de Autos Comparado, patrocinador da proba. A Andaina partirá ás 10:00 horas para percorrer un circuíto de 14 quilómetros totalmente diferente á primeira edición (por Aldeagrande, Filgueira, Maxide, Marracín, Berrimes, Portobravo e Cruído) e que só compartirá un primeiro tramo de saída co Trail, de forma que as persoas participantes en ambas probas non se cruzarán.

Os que si compartirán percorrido son as persoas participantes nos Trail, que sairán ás 11:00 horas das Minas de San Finx para percorrer as localidades de Marselle, Aguieira, Ponte Gaiteira, Lesende, Soutorredondo, O Castro, A Pastoriza e Cruído. Nese punto, os participantes no Trail Corto xirarán cara o polideportivo mentres que os do Trail Longo percorrerán outros 9 quilómetros por Seoane, Aldeagrande, Filgueira, Pousada, Maxide e Cruído.

Apertura extraordinaria do Centro de Interpretación

Aproveitando a celebración das dúas probas, o Centro de Interpretación das Minas de San Finx estará aberto o sábado 30 de decembro. Así, todos os interesados en participar nunha visita guiada ou en percorrer as súas instalacións de xeito gratuíto poderán facelo durante toda a xornada.

Finalmente, dende a organización do I Trail e Andaina San Silvestre Lousame 2018 ‘Minas de San Finx’ queren agradecer a implicación dos patrocinadores desta cita: Lurbel, NutriSport, Fermín Simal SL, Autos Comparado e Grupo Nosa.

Xornada formativa

Un día antes, o sábado 29 de decembro, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá a charla formativa “O mundo do trail-running”, presentada polo xornalista Terio Carrera. Unha xornada na que participarán Aroa Sío Recknold, Samuel Saborido Soñora, Luís Calvo Castro e unha cuarta corredora aínda por confirmar que responderán ás dúbidas que a xente teña sobre esta modalidade deportiva.